02/04/2026

Movemento Sumar Galicia exixe a dimisión inmediata do presidente da Deputación de Lugo por denuncias de acoso sexual

A formación política cualifica a situación de “inadmisible e profundamente indecente” e alerta dunha “estrutura de poder machista” operando con impunidade

Movemento Sumar Galicia reclamou este mércores a dimisión “immediata” do presidente da Deputación Provincial de Lugo, ante as graves denuncias de acoso sexual que están a coñecerse no seo da institución provincial. A presidenta da formación, Verónica Barbero, advertiu en duros termos que “o que está ocorrendo na Deputación non é un caso illado, é a proba dunha estrutura de poder machista que operou durante anos con total impunidade”.

As declaracións de Barbero producíronse tras coñecerse varias acusacións nas últimas horas, que apuntan a un ambiente de abuso e silencio dentro da institución. A líder de Sumar Galicia cualificou a situación de “inadmisible e profundamente indecente” e denunciou que “a institucionalización do silencio e a protección dos agresores convertéronse nunha forma máis de violencia contra as mulleres”.

Dende a organización política insisten en que as múltiples denuncias non son unha excepción, senón a evidencia dun sistema que permitiu, amparou e normalizou comportamentos abusivos. “Cando unha institución permite que isto ocorra, cando minimiza ou tapa o que sucede, está dicíndolles ás mulleres que non serve de nada denunciar, que non serán cridas e que nada vai cambiar”, subliñou Barbero.

Esixencia de responsabilidades políticas

Movemento Sumar dirixiu tamén a súa demanda ao secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, a quen reclaman que “actúe de maneira inmediata e contundente fronte a estes feitos inaceptables”. Barbero fixo fincapé en que a responsabilidade política é xa “ineludible”.

“Quen preside unha institución e actúa deste xeito non pode seguir nin un minuto máis no cargo. Debe dimitir como presidente da Deputación e o PSOE debe apartalo de todos os seus cargos orgánicos, porque a democracia non admite zonas escuras nin pactos de silencio fronte ás violencias machistas”, afirmou a portavoz.

A formación deixou claro que a forma de actuar ante estes casos é o que define a unha organización democrática. “O mínimo que se lle pode esixir a un partido que se proclama feminista é non encubrir nin protexer ao culpable, senón reaccionar con rapidez, poñer ás mulleres no centro e garantir a súa protección inmediata”, sinalaron.

Apoio ás denunciantes e chamada á acción

Finalmente, Movemento Sumar Galicia trasladou o seu “apoio absoluto” ás mulleres que deron o paso de denunciar, recoñecendo a súa valentía. “Son elas quen están rachando o muro da impunidade. Agora tócalle á política demostrar que está á altura, asumir responsabilidades e deixar de ser cómplice dun sistema que leva demasiado tempo protexendo aos de sempre”, concluíu Barbero.

A crise na Deputación de Lugo coloca ao goberno provincial, tradicionalmente en mans do PSdeG, nun foco de presión política e social, nun momento no que a loita contra o acoso e as violencias machistas segue no centro do debate público.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies