16/07/2026

Podemos Galicia defende a infancia e as altas capacidades fronte ao artigo “Xenios” publicado en El Progreso de Lugo

Podemos Galicia expresa o seu rexeitamento firme e rotundo ante o artigo de opinión titulado “Xenios”, asinado por Rafa Cabeleira e publicado o pasado 11 de outubro en El Progreso de Lugo.

No texto, o autor emprega un ton irónico e despectivo cara aos nenos e nenas, ridiculizando as súas condutas e cuestionando as capacidades intelectuais e o traballo educativo das súas familias. Desde Podemos Galicia consideramos que este enfoque vulnera o respecto e a dignidade da infancia, e banaliza unha realidade que require comprensión, acompañamento e responsabilidade social.

“As altas capacidades non son unha moda nin un capricho; son unha realidade educativa e persoal que precisa apoio, non burla. Rir dos nenos e das súas diferenzas é rir do noso futuro común”,afirmou un Isabel Faraldo»

As altas capacidades intelectuais son unha condición recoñecida polas administracións educativas e polos organismos internacionais. Requiren atención específica, sensibilidade e respecto, xa que a falta de recoñecemento ou comprensión pode derivar en frustración, illamento e dificultades emocionais.

Neste sentido, Podemos Galicia súmase ás críticas expresadas por asociacións como Intelecto, que denunciaron o artigo publicamente, e manifesta o seu apoio ás familias e profesionais da educación que traballan cada día por unha escola inclusiva, xusta e atenta á diversidade.

A formación lembra tamén que a liberdade de expresión debe ir acompañada de responsabilidade, especialmente cando se fala de menores de idade, e pide ao medio de comunicación unha reflexión pública e unha desculpa polas expresións que poidan resultar ofensivas ou discriminatorias.

Podemos Galicia reafirma o seu compromiso coa:

  • Protección dos dereitos da infancia, recoñecidos pola Convención da ONU.
  • Defensa da diversidade cognitiva e educativa, incluíndo as altas capacidades.
  • Promoción dun xornalismo ético e respectuoso, que contribúa a educar e non a estigmatizar.

En Galicia, a infancia debe ser coidada, escoitada e acompañada con agarimo e respecto. Ningún neno ou nena debería converterse en obxecto de burla mediática.